O BNG de Lalín denuncia que a Oficina de Turismo estivo pechada en plena tempada estival
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín denuncia a insólita situación do peche da Oficina de Turismo do Concello durante os meses de verán, xusto cando o municipio recibe un maior número de visitantes interesados en coñecer o noso patrimonio, a nosa cultura e a nosa gastronomía.
Resulta incomprensible e inadmisible que, en plena tempada alta, a Oficina de Turismo permanecera pechada, privando así a veciñanza e aos turistas dun servizo esencial para a proxección e promoción do noso concello.
A Responsable Local do BNG, Mari Fernández, lembra que durante o mandato de Paco Vilariño como concelleiro de Turismo, a oficina estivo sempre aberta nestas datas, con horario estable e persoal ao fronte, garantindo unha atención de calidade aos visitantes e contribuíndo activamente á dinamización do sector turístico local.
A actual deixadez do goberno municipal evidencia unha alarmante falta de planificación e de interese pola promoción de Lalín como destino turístico. Non abonda con facer promoción da Feira do Cocido, iso é moi importante, mais Lalín é moito máis, afirma Mari Fernández, engadindo “hai que apostar por unha política turística seria, continuada e con presenza no territorio”.
Para o BNG, chove sobre mollado, cando lembran que hai dous meses que denunciaron a situación do novo horario do museo “Ramón María Aller”. Desde entón, esta instalación municipal abre, unicamente, de martes a sábado durante cinco horas e media ao día. Á redución de horario, súmase o peche do museo durante os domingos e luns. E o que é peor, a única praza para a Oficina de Turismo que decidiron contratar este ano (fronte as tres que se facía na época de concelleiro de Turismo do voceiro municipal do BNG, Paco Vilariño), está ubicada no Museo para garantir ese pírrico horario.
Para o BNG, o turismo é unha oportunidade clave para o desenvolvemento económico e social do concello. Ter a oficina pechada en verán é un síntoma máis do desleixo do goberno local e da súa ausencia total de proxecto para Lalín.
Desde o BNG esixen responsabilidades políticas, e anuncian que no vindeiro Pleno municipal esixirán explicacións pola súa nefasta xestión nesta materia á Concelleira de Turismo, Begoña Blanco, reiterando o seu compromiso cun modelo turístico sostible, activo e que poña en valor todo o que Lalín pode ofrecer ao mundo.