O BNG de Lalín denuncia o peche de Psicoloxía no CIS desde hai tres meses
Paco Vilariño: “é unha auténtica falta de humanidade o que está a acontecer en Lalín cos pacientes que precisan do servizo de saúde mental”.
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín denuncia publicamente a alarmante situación que se está a vivir no Centro Integrado de Saúde (CIS) de Lalín, onde o servizo de Psicoloxía leva máis de tres meses sen cobertura algunha, deixando a numerosas persoas sen a atención psicolóxica que precisan.
A súa Responsable Local, Mari Fernández, revela que a esta gravísima carencia, que afecta directamente á saúde mental da veciñanza de Lalín e comarca, vén sumarse a unha nova preocupación: o servizo de Psiquiatría quedará sen atención nas vindeiras semanas por mor da falta de cobertura das vacacións do persoal sanitario que exerce esta función.
Desde o BNG de Lalín destacan que veñen denunciando en reiteradas ocasións a precariedade do servizo de saúde mental do Centro Integral de Saúde (CIS), a última, vez lembra a súa Responsable Local no Pleno municipal do mes de marzo, no que o PP votou en contra dunha moción do grupo nacionalista na que solicitaba o reforzamento de dito servizo no CIS.
Afirma Mari Fernández que para a atención a unha área de arredor de 40.000 persoas o CIS só conta teoricamente no eido de saúde mental cun psiquiatra e unha psicóloga. Esta é toda a máis que insuficiente dotación de persoal fronte ao que a Xunta de Galiza nos vendeu nos fastos da posta en marcha do CIS. Na práctica, o que estaba a acontecer a moita veciñanza é que unha persoa que pedía vez para que a vira un psiquiatra ou unha psicóloga en Lalín tardaba en moitos casos case un ano en que o Sergas lle dera resposta, e cando lle daba a cita esta era para tres ou catro meses despois. Mais o que para o BNG de Lalín, xa era un servizo moi deficitario, o que está acontecendo nos últimos meses é dunha gravidade extrema debido a que na práctica xa nin se conta co mermado servizo que padecíamos antes ao chegar ao punto de non prestarse o mesmo.
Desde o BNG relatan a situación que moitos veciños e veciñas están a padecer, e que lle relataron en primeira persoa con gran indignación, como por exemplo de varios pacientes que tiñan cita para o mes de maio pasáronlla para xuño, e cando se personaron na nova cita, no día e na hora citados no CIS, comunícanlle que non estaba a profesional e xa non lle se lles citou até o día de hoxe nunca máis.
A pasada semana foron varios pacientes que se puxeron tamén en contacto co BNG para comunicarlle que se lles chamara do CIS de Lalín para anular a cita que tiñan programada desde hai meses para a psicóloga, sen aportarlle ningunha información ou xustificación, e o que aínda é máis grave, sen darlle nova data debido a que ao non existir este servizo a lista está pechada.
Para o seu voceiro municipal, Paco Vilariño, aínda non remata no anteriormente relatado a situación de total abandono que padece na actualidade a nosa veciñanza respecto ao coidadado da saúde mental, senón que apunta como un auténtico despropósito, e sinal inequívoca de que o PP de Lalín, non só é coñecedor senón un mal cómplice da situación, xa que como mínimo desde o mes de abril, desde o CIS se están derivando algúns pacientes á psicóloga do CIM, algo a todas luces que tilda de auténtica chapuza, falta de responsabilidade e respecto polos pacientes, e no que tamén apuntan que lle trasladaron múltiples queixas.
A fronte nacionalista tamén denuncia, que como resultado de falta de servizo, de recursos e resposta que desde o CIS lle poden dar a moita veciñanza que se va afectada por este caos, o que se está producindo é que o solución que lle dan é que vaian á privada, incluso aconsellando varios profesionais privados e que se convirte na antítese do papel que tiña que estar cumprindo o CIS respecto a ofertar unha sanidade pública e de calidade.
Vilariño califica de escándalo insoportable e unha auténtica falta de humanidade o que está a acontecer en Lalín cos pacientes que precisan do servizo de saúde mental. Lembra que desde o BNG levan moitos anos recibindo queixas de veciñas e veciños en situacións dramáticas e que carecen dunha axeitada cobertura de persoal neste servizo no Centro Integral de Saúde (CIS) sen que Sergas nen o Concello busquen solucións.
Demandan da Consellería de Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental, persoal fixo e estable que dependa do propio CIS e non do CHUS. Como mínimo, exixen que o Sergas cubra as prazas actuais, que xa son as mínimas posibles, e que se cree unha praza máis en psiquiatría e outra en psicoloxía para que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos non teña que verse obrigada a ir á privada quen ten recursos económicos, ou senón quedar totalmente desamparado debido á longa periodicidade das mesmas, ou como acontece nos últimos meses que xa nin exista.
Xustifican tamén esta demanda na importancia da estabilidade dos e das profesionais que prestan dito servizo, para así a veciñanza non sexa atendida por un profesional distinto en cada cita co conflicto que isto acarrea para o paciente, situación habitual no CIS e que se sitúa moi lonxe de calquera protocolo de idoneidade.
Vilariño insiste na necesidade de contar cun “verdadeiro” Centro Integral de Saúde e non con este no que cada día nos atopamos con novas denuncias e problemas de atención por parte das veciñas e veciños. O seu voceiro lembra que xa están fartos de denunciar hai moitos meses á Xunta do PP e ao goberno local que o que temos é un edificio sen dotar, na práctica, seguimos tendo unha asistencia sanitaria na que a poboación depende de poder desprazarse a Santiago para ser atendida nunhas mínimas condicións ou senón ir á privada quen teña recursos económicos.
Desde o BNG consideran esta situación como insostible e inxustificable, máis aínda nun momento no que os problemas de saúde mental están en aumento, e onde se fai imprescindible garantir unha atención continuada e de calidade. A Xunta de Galicia, como administración competente, debe asumir a súa responsabilidade e adoptar medidas urxentes para restablecer os servizos e garantir a súa continuidade.
Para rematar Vilariño anuncia que levará este tema ao pleno do vindeiro xoves para demandar a cobertura inmediata da praza de Psicoloxía e a planificación adecuada para evitar o peche temporal de Psiquiatría, co fin de asegurar unha atención minimamente digna para todas as persoas usuarias do CIS de Lalín, afirma Vilariño que a saúde mental tamén é saúde, e non pode seguir sendo ignorada.