VILARIÑO "EN AGOSTO NON HAI CITAS PARA CONSULTA NIN PARA CONTROL DE IDADE."

O BNG DE LALÍN DENUNCIA O COLAPSO TOTAL DO SERVIZO DE PEDIATRÍA NO CIS

Vilariño: “O PP condea aos nenos e nenas de Lalín a non poder enfermar en todo agosto”.

O BNG de Lalín lamenta que o  CIS de Lalín vén sendo noticia desde a súa inaguración polas evidentes carencias que presenta, entre moitas outras, e saturación existente no servizo de Pediatría. Para os nacionalistas é insoportable a realidade que padecen os pais e nais de Lalín, pois na actualidade conta con tres pediatras en xornada de mañá, das cales unha delas desprázase dous días á semana a Rodeiro un par de horas o que conleva que o sevizo quede aínda máis minguado.

O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, informa que foron varias as nais e pais que se dirixiron estos días ao BNG para informalos e amosarlle o seu enfado pola situación que se está a dar nestas datas neste servizo tan sensible pola franxa de idade ao que vai dirixido. O mal estar débese a que na maioría das pediatras a cita para “consulta de enfermidade” non é posible ao longo de todo o mes de agosto, situación idéntica acontece para “control de idade”, xa que resulta imposible pedir cita por telas completas, e a maiores atópanse coa axenda pechada, o que impide pedir para o seguinte mes ou saber cando tes disponobilidade.

Afirman desde o BNG, que o tempo lamentablemente dálles a razón, xa que lonxe do que prometeu o PP na inaguración do CIS, estas instalacións non están cubrindo nen tan sequera as necesidades mínimas da cidadanía en materia sanitaria, chegando a ser moito máis precario o servizo en distintas especialidadades que no anterior Centro de Saúde. Claros exemplos son para os nacionalistas a denuncia que fixeron o pasado mes relativa a que o servizo de psicoloxía leva varios meses sen prestrarse, o de psiquiatría pechado durante a primeira quincena de agosto, ou agora batindo con creces o seu deshonroso récor de lista de garda nun servizo tan importante para a veciñanza, afirma Vilariño: “o PP condea aos nenos e nenas a non poder enfermar en todo agosto”.

Destacan tamén desde o BNG a inasumible tardanza para poder realizar o Control de Idade pola importancia que este ten ao longo dos primeiros 14 anos de vida, xa que son revisións moi importantes para saber por exemplo e están medrando de forma saudable. Nestas revisións, a médica,  evalúase o medre, é dicir, peso e altura, o desenrolo motor e ademáis, chequéase o oído, dentes e vista dos nenos e nenas. A maiores da parte física, a pediatra tamén analiza a linguaxe e as habilidades sociais das nenas e nenos. E o máis importante, actualiza o calendario de vacinas en función á idade que teñan.

Afirma Vilariño que resulta inadmisible que as crianzas de Lalín non teñan atención médica ao longo de todo un mes, máis aínda nestas datas, cando moitos pais e nais teñen días no seu traballo e os nenos e nenas están de vacacións polo que resulta unha época propicia na que moitas familias aproveitaban para facer o Control de Idade correspondente.

Vilariño relata que a carga de traballo que teñen as pediatras é altísima debido ao elevado número de pacientes que atenden diariamente e a complexidade de ditas consultas tanto no relativo a tempo de atención necesario como a todo o abano médico de atención que require xa que estas profesionais realizan diagnósticos e tratamentos das patoloxías propias destas idades, ademais coordinan actividades de promoción e prevención que permiten realizar unha asistencia médica integral, e se é necesario brindan atención continúa cando se atopa algunha anormalidade no desenrolo.

Desde o BNG critican que isto supón que en casos de enfermidade, as nosas nenas e nenos están condeados a ter que agardar varias horas a ser atendidos pola falta de pediatras sen cubrir, ou senón, ter que marchar para o CHUS debido á inexistencia de facultativos, realidade esta contraria á máis mínima praxe axeitada ao protocolo dunha atención digna, producto dunha situación de sobrecarga de traballo, derivada da falta de persoal humano e da negativa a cubrir as baixas ou vacacións ás que teñen dereito as profesionais.

Desde o BNG lalinense lembran, que é fundamental contar cun servizo de pediatría pola tarde, sen recortar o de mañá, algo que veñen demandando desde hai anos, e que como é evidente a Xunta de Galiza nega ao noso concello, unha demanda que se fai moi necesaria para moitísimas nais e pais que ven como polo tarde e noite só lles queda a posibilidade de acudir ao CHUS ou de ir á privada quen ten capacidade económica de facelo.

Anuncian, unha vez máis, que presentarán no vindeiro pleno municipal unha iniciativa para demandar unha solución definitiva a este problema, xa que para a organización nacionalistas, o único que se precisa para porlle fin é ter vontade política, algo que se demostrou sobradamente que non existe por parte do PP.

Para finalizar, Vilariño esíxelle ao goberno municipal que deixe de defender os intereses do PP na Xunta, e se poña do lado das nais e pais que sofren a diario esta penosa e gravísima realidade, esixíndolle ao SERGAS que non permita que esta situación perdure no tempo nin un segundo máis.