O BNG de Lalín denuncia o atraso na publicación dos campamentos do Concello

Manuel Carbón: A situación que estamos a vivir é totalmente evitable e responde á falta de previsión e compromiso do goberno municipal coa conciliación das familias e coa educación non formal dos nenos e nenas.

 

 

Lalín, 24 de maio de 2025. O BNG de Lalín, a través do seu responsable de organización, Manuel Carbón, denuncia o preocupante atraso na publicación da oferta de campamentos de verán do Concello de Lalín. A finais de maio, as familias lalinenses seguen sen ter acceso ás datas e á programación destas actividades fundamentais para a conciliación da vida laboral e familiar, mentres que outras administracións, como a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e outros moitos concellos do país xa iniciaron hai meses o proceso de inscrición e mesmo nuns casos xa están a realizar o sorteo de prazas na actualidade e noutros xa está pechadas.

Os campamentos de verán non só son unha ferramenta esencial para a conciliación, senón que representan unha oportunidade única de aprendizaxe no marco da educación non formal. A través destes programas, os nenos e nenas adquiren habilidades sociais, desenvolven a autonomía, potencian a convivencia e experimentan un contacto enriquecedor coa natureza e coa cultura. O seu impacto educativo vai moito máis alá do mero entretemento, sendo un complemento imprescindible para o desenvolvemento integral da infancia.

Manuel Carbón, que conta cunha dilatada experiencia na organización e dirección de campamentos como os de A Lanzada, Boiro ou Forcarei, pon de manifesto que este retraso resulta inaceptable e prexudica gravemente ás familias de Lalín. "A falta de previsión do goberno municipal non só afecta ás familias e á planificación das vacacións, senón que tamén complica a contratación de persoal cualificado. Moitos monitores e monitoras xa teñen compromisos noutras administracións que convocaron os seus campamentos con tempo, o que pode derivar nunha oferta de menor calidade por falta de profesionais con experiencia", explica Carbón.

"A situación que estamos a vivir é totalmente evitable e responde á falta de previsión e compromiso do goberno municipal coa conciliación das familias e coa educación non formal dos nenos e nenas de Lalín. Mentres noutras administracións xa se pechan as listas de admitidos, aquí seguimos sen ter sequera unha convocatoria oficial. Isto obriga ás familias a buscar alternativas á desesperada, o que remata por provocar que queden prazas baleiras nos campamentos municipais, como xa aconteceu o ano pasado", engade.

Desde o BNG de Lalín esiximos ao Concello que publique de inmediato a oferta de campamentos de verán e que garanta que en vindeiros anos se planifiquen con tempo suficiente para evitar que esta situación volva repetirse. Non se pode permitir que a despreocupación e a desorganización do goberno municipal lastren a conciliación das familias e limiten as oportunidades de lecer educativo para a infancia de Lalín.

Por todo isto, o BNG comprométese a seguir reclamando unha mellor xestión por parte do Concello, que permita ás familias lalinenses contar cunha oferta de campamentos transparente, organizada e adaptada ás súas necesidades.