O BNG de Lalín demanda unha Casa da Xuventude “viva, útil e con contido”
Propón sete medidas para cambiar a situación de deixadez e infravaloración.
A fronte nacionalista defende unha xestión “participativa e autoxestionada” pola propia mocidade.
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín esixe que a Casa da Xuventude se converta nun “espazo vivo” con servizos e actividades para a mocidade lalinenense, deixando atrás a dinámica dos últimos anos de infravaloración, desaproveitando o seu potencial.
A Responsable Local do BNG de Lalín, Mari Fernández, defendeu que hai que poñer en valor a Casa da Xuventude “para poñer punto e final á política de castigo e abandono continuado ás mozas e aos mozos do noso Concello polo Goberno municipal e a Xunta de Galiza”.
“A mocidade precisa de oportunidades, espazos e voz propia. O BNG aposta por políticas activas que dean resposta ás súas necesidades e que fagan de Lalín un concello onde quedarse, participar e medrar”, afirma Mari Fernández.
Sete propostas para unha Casa da Xuventude “viva”
Diante disto, o BNG presenta sete propostas ambiciosas para dotar de contido a Casa da Xuventude e convertela nun espazo útil e dinámico. En primeiro lugar, propón a creación dun Servizo Municipal de Apoio á Emancipación Xuvenil, que ofreza asesoramento en vivenda, emprego e emprendemento, axudando á mocidade a construír proxectos de vida propios nun contexto marcado pola precariedade. En segundo lugar, defende a habilitación dun espazo multidisciplinar para a creación e exposición artística, que sirva como escaparate do talento xuvenil lalinense.
Apostan desde o BNG pola posta en marcha dun programa estable de actividades culturais, formativas e de ocio orientadas á xuventude e a creación dun Consello Local da Mocidade, que participe de maneira activa na xestión e programación da Casa da Xuventude.
Ademais, o BNG aposta por un modelo de xestión participativo e autoxestionado, onde a propia mocidade teña voz na definición das actividades e alternativas de lecer, garantindo que respondan ás súas necesidades reais.
A fronte nacionalista tamén propón impulsar desde a Casa da Xuventude accións de prevención en saúde, con foco na loita contra trastornos aditivos como a ludopatía, o consumo de drogas ou o alcol. Finalmente, demanda a creación dun servizo de asesoramento afectivo-sexual, con especial énfase na sensibilización contra as violencias LGBTfóbicas, para promover relacións saudábeis e inclusivas.
O BNG trasladará estas propostas ao Goberno local, instando a que a Casa da Xuventude “non quede nunha construcción baleira de contido”. “Queremos que sexa un espazo vivo, onde a mocidade atope apoio, oportunidades e alternativas reais de lecer e para o seu desenvolvemento”, conclúe Mari Fernández.