Mari Fernández pide explicacións dos supostos beneficios dunha infraestrutura millonaria que non foi efectiva neste inverno

O BNG exixe un balance do funcionamento do tanque de tormentas logo dos temporais

Xunta de Galicia

 

O BNG de Lalín demanda que o goberno local do PP “dea contas” do funcionamento do tanque de tormentas en funcionamento no concello desde o mes de decembro de 2024 e os seus “supostos beneficios” fronte aos trens de borrascas, temporais e alertas que se veñen sucedendo en toda Galiza no que vai de 2026. O tanque de tormentas de Lalín, que Xunta de Galiza e goberno local “venderon como o máis grande do país”, tiña a bondade de “evitar o desbordamento da rede de depuración en épocas de choiva intensa”, segundo aseguraron na súa inauguración a conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Lalín.

Logo do acontecido no noso concello co desbordamento no Pozo do Boi e o Paseo de Pontiñas, onde está localizado o tanque de tormentas, o BNG exixe ao goberno municipal do PP que “faga un balance sincero e crítico a respecto do funcionamento dunha infraestrutura que costou 7 millóns de euros. Cun volume de retención de auga de 5.000 metros cúbicos e unha “vertedura de alivio ao río Pontiñas, pero que no momento da verdade “cando houbo que facer fronte aos temporais e as alertas por choivas deste mes provocaron os mesmos problemas que noutros concellos do país onde non hai tanque de tormentas”.

A responsable local do BNG, Mari Fernández Sanmartín, critica que “logo do investimento, das ducias de fotos e anuncios da conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Lalín, ao final só serviron de propaganda partidista, mentres o goberno municipal recoñecía o desbordamento do río e o Paseo Pontiñas e o Pozo do Boi resultaban os primeiros anegados coa chegada en xaneiro das primeiras borrascas”.

Fernández Sanmartín asegura que diante do acontecido en Lalín neste mes e medio “a veciñanza só pode lamentar que o PP na Xunta e no Concello volveron a vendernos fume, a investir millóns nunha infraestrutura que non resolveu o problema causado polas enchentes como no resto do país e que segue coxa agardando pola EDAR e o bombeo do río Deza augas arriba da praia fluvial de Pozo do Boi, cun proxecto que data xa de outubro de 2020 e do que nada se sabe”.

Lalín, coma outros concellos do interior de Pontevedra, pasou no último mes e medio por varias alertas e “lonxe de estar tranquilos cos supostos beneficios do tanque de tormentas, a veciñanza tivo que volver mirar con preocupación as enchentes e os seus efectos”. Sinala Fernández Sanmartín que durante as numerosas emerxencias por choivas vividas en Lalín no que vai de 2026 “daban ganas de chorar ao ver os innumerables avisos, cortes, restricións e balizamentos na zona do Paseo de Pontiñas por parte do concelleiro Marcos Areán”, os servizos de Emerxencias mobilizados igual que nos concellos do resto do país “cando supostamente a veciñanza de Lalín ten o tanque de tormentas máis grande de Galiza que nos venderon a bombo e prato sen sabermos aínda para que nos serviu neste primeiro test sobre o terreo”.

 

Avaliar danos, facer balance e reclamar

Diante das previsións meteorolóxicas que anuncian o remate deste episodio de borrascas, o BNG de Lalín chama ao goberno do PP a “facer autocrítica, avaliar danos e demandar melloras e reparacións nas infraestruturas danadas no noso concello”. Fernández Sanmartín chama ao alcalde José Crespo a “pedir perdón á veciñanza”por terse sumado á política da propaganda da Xunta no canto de preocuparse polas necesidades en infraestruturas hídricas que ten o noso concello”.

Logo do acontecido, critica o BNG de Lalín que neste tempo “tivemos un alcalde desaparecido mentres medraban as enchentes arredor das nosas casas, negocios e zonas de ocio”. Lembra Fernández Sanmarttín que “o único que fixo o alcalde nestes complicados momentos meteorolóxicos que vivimos foi levar ovos a Santa Clara para que non chovera para a encomenda do cocido”. O BNG chama ao goberno do PP a “dar un xiro á súa xestión en Lalín, ocuparse das necesidades da veciñanza e reclamar ao resto de administracións medidas efectivas para a seguranza das veciñas e veciños de Lalín”.