O BNG denuncia que pacientes de psiquiatría de Lalín levan máis dun ano sen citas
O BNG de Lalín está a recibir denuncias de pacientes de psiquiatría que levan “máis dun ano sen citas” no CIS-Lalín. O concelleiro e responsable de organización, Manuel Carbón, alerta de que son moitos os pacientes de saúde mental en Lalín os que se están a ver afectados polo “mal funcionamento” deste servizo médico no CIS. Moitos deles presentaron xa reclamacións por escrito ao Sergas, e “obtiveron por resposta do Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHUS que os recursos son limitados e facemos o que podemos cos medios que temos”.
Carbón considera “inaceptable” que os pacientes dun servizo fundamental como é o da saúde mental, “leven máis dun ano sen poder ter cita de psiquiatría e máis dun ano sen revisar as pautas de medicación”, nunha especialidade sanitaria tan sensible como é a saúde mental. Asegura o concelleiro nacionalista que as veciñas e veciños afectados por esta situación “falan dun servicio insuficiente e das consecuencias graves e mesmo fatais que esta falta de atención ten nas súas doenzas e os seus procesos de tratamento e curación”. Moitos destes pacientes viron como se lle retiraron hai máis dun ano as consultas de psiquiatría e só contan coas de psicoloxía e o médico de cabeceira “que non son quen de mudar as súas pautas de medicación e resultan insuficientes para tratar axeitadamente as súas doenzas, denuncia Manuel Carbón.
Critica o BNG lalinense a “desconsideración inhumana” que o Sergas ten coa saúde mental, a falta de profesionais e unha “nefasta xestión do servizo” que está a colocar en “situacións angustiosas” a moitos veciños e veciñas de Lalín que “vense obrigados a acudir á sanidade privada para poder manter os seus tratamentos”. Segundo os afectados denunciaron diante do BNG de Lalín “están sen revisar pautas de medicación moi delicadas nestes tratamentos, as consultas cando as hai son de 15 minutos, insuficientes para médicos e pacientes e o resultado son consecuencias fatais”.
O BNG de Lalín xa ten denunciado en numerosas ocasións as deficiencias do servizo de saúde mental, Carbón critica que fronte a estas denuncias “só atopamos insensibilidade e inacción por parte dos gobernos do PP tanto en Lalín como na Xunta”, mentres a “deficitaria asistencia en saúde mental aos nosos veciños e veciñas está a provocar sufrimento e angustia na veciñanza”. Manuel Carbón, que tivo acceso á resposta do Sergas a unha das veciñas de Lalín que se queixaron deste servizo, considera “clarificador” que os propios médicos recoñezan que “como a demanda é moi grande, as citas demóranse e non podemos atender a súa demanda de maior frecuencia das consultas, nin máis tempo, pola sobrecarga que sufrimos en tódalas Unidades de Saúde Mental”.
Saúde mental de segunda categoría para a veciñanza de Lalín
“É moi triste que os propios responsables das unidades de saúde mental só teñan por resposta ás demandas dos usuarios un facemos o que podemos cos recursos que temos”, mentres iso acontece destaca o concelleiro nacionalista que a situación na rúa é “que os que teñen recursos pagan na privada e os que non os teñen están desatendidos”. Carbón critica a “asistencia en saúde mental de segunda categoría” que a veciñanza de Lalín está a padecer e exixe que “o PP no concello deixe de mirar cara outro lado e procure solucións e melloras reais para a veciñanza de Lalín nun tema fundamental como é a sanidade”.
Lémbralle ao goberno de Crespo o concelleiro nacionalista que “os que gobernan a Xunta e o Sergas son do seu partido” e critica que “en todos os foros nos que o alcalde de Lalín podería trasladar as demandas das veciñas e veciños non escoitamos crítica nin exixencia algunha, só a mesma submisión de sempre que condena á veciñanza de Lalín a ter unha sanidade pública de segunda”.