"O BNG xa levou ao pleno dúas veces a necesidade do arranxo deste vial”

O BNG denuncia que as obras da Rolda Leste “seguen sen executarse”

O BNG de Lalín denuncia que as prometidas e acordadas obras de arranxo na Rolda Leste “seguen sen executarse” a pesares das dúas mocións presentadas polo BNG no pleno municipal -unha en abril de 2025 e outra en febreiro deste 2026- aprobadas co voto a favor de todos os grupos. “Mentres o Concello e a Xunta pasan a pelota uns a outros en menos de 48 horas vimos de coñecer a pasada semana dous novos accidentes de tráfico na Rolda Leste, no último cunha persoa ferida e trasladada de urxencia ao hospital”, critica a responsable local, Mari Fernández Sanmartín. O BNG leva anos advertindo do “lamentable estado” deste vial e a necesidade “urxente” de acometer obras de mellora “e garantir a seguridade do tráfico neste importante vial do noso concello”.

Critica Fernández Sanmartín que “non pode ser que a nosa veciñanza xogue a vida cada día ao circular pola Rolda Leste”. A responsable nacionalista lembra que “a cidadanía segue sufrindo as consecuencias do abandono deste vial por parte do goberno municipal”, unha vía que ademais empeora a cada paso, algo que mesmo recoñeceu o goberno local no último pleno no que o BNG levou a debate e votación unha nova moción para exixir o arranxo da Rolda, o pasado mes de febreiro.

Logo destes dous accidentes en menos de 48 horas na Rolda Leste, o BNG de Lalín lamenta que “este goberno municipal xa mentiu ao anunciar o 9 de abril do ano 2024 que ía acometer traballos de acondicionamento para evitar os trastornos que a día de hoxe somos conscientes que ten”. Mari Fernández Sanmartín critica o “cinismo” xa daquela do goberno do PP “pedindo desculpas á cidadanía polo estado desta estrada”. Sinala Fernández Sanmartín que “desde aquela van aló dous anos de mea culpa, de botarlle a culpa a outras administracións, e de non facer nada”.

Desde o BNG de Lalín xa sinalamos na última moción que levamos ao pleno e que foi aprobada por unanimidade, que o plantexamento técnico do trazado evidencia o deterioro progresivo do vial, agravado polo inverno, ao punto de considerar que está afectando ás capas inferiores do firme, polo que vai rematar co colapso total do mesmo. É unha evidencia o agretamento xeralizado da capa de rodadura, menor nunhas zonas mentras noutras aparecen moi bacheadas con afección á estabilidade e seguridade dos vehículos.

 

 

Diante desta situación no BNG de Lalín “non podemos permitir que unha infraestrutura tan necesaria para Lalín se atope neste inaceptable estado sen que o goberno municipal adopte ningunha medida, agás algúns traballos de bacheo nas zonas máis destrozadas, que lonxe de mellorar o vial o que fan é empeoralo debido ao pouco que dura esta actuación por seu un parche”.

A Ronda Leste é unha arteria clave para o tráfico da nosa vila, aliviando a circulación no centro urbano e facilitando o acceso a distinta zonas comerciais, sanitarias, industrias ou educativas, así como a distintas estradas de competencia galega ou estatal. Por iso Fernández Sanmartín asegura que “imos seguir demandando o seu arranxo, e exixindo ao goberno do PP que cumpra co que vota nos plenos”.