OS NACIONALISTAS DENUNCIAN QUE SEGUEN NEGÁNDOLLE PODER ACCEDER AOS EXPEDIENTES DE EMPADROAMENTOS E TAMÉN AO HISTÓRICO DAS VIVENDAS AOS PROPIETARIOS.

O BNG DENUNCIA QUE O CONCELLO NON LLE DEIXA CONSULTAR AOS PROPIETARIOS QUEN ESTÁ CENSADO NA SÚA VIVENDA

A creación dunha Comisión de Investigación en referencia ao padrón municipal de Lalín non se levará a cabo debido a que o grupo de goberno a rexeitou no pasado pleno. Mais iso non implica que os problemas deixaran de xurdir en relación a este tema, xa que o grupo nacionalista, de onde partiu a moción para solicitar dita comisión, continúan a recibir chamadas de veciños e veciñas que detectan anomalías con respecto á xente empadronada na súa vivenda.

 

A pesares da intención do PP de desmentir as novas e informacións a este respecto que se lle achegaron dende o BNG dende hai semanas, falando de irresponsabilidade e alarma infundada e que o propio Alcalde contradiciu días despois admitindo que existía un problema, a realidade é ben distinta, ao achar casos e casos de veciños que reciben correo certificado de persoas que non coñecen de nada nas súas vivendas e que tampouco nunca residiron nelas. Esta mesma semana achegábanlles desde o BNG probas de reclamacións feitas no concello solicitando a baixa no empadroamento de persoas descoñecidas das súas casas, que foron incluídas a través do rexistro.

 

A situación de irregularidade é realmente grave, ao igual que a actitude do concello ante ela. A maiores de que a persoa encargada deste asunto non está no seu posto de traballo por motivos de índole persoal, non hai ninguén que saiba dar respostas as dúbidas e peticións dos veciños que se achegan para solventar o problema, emprazándoos a voltar na seguinte semana. Máis non se trata só dunha falla de atención evidente, tamén se da información confusa sobre o tema a tratar, aludindo á lei de protección de datos para non dar respostas a quen se achega a consultar este tipo de cuestións.

Desde o BNG denuncian que a maiores da negativa de poder acceder ao expediente de alta de persoas que nin coñecen nin nunca estiveron residindo nas súas propiedades, tamén se lle nega poder ter información do histótico censal da súa vivenda.

 

Segundo os nacionalistas, non é de recibo que os propietarios de vivendas non poidan consultar quen está empadroado nelas, considerándoo unha vergoña para todos da que din non van ser partícipes nin mirar cara outro lado, como quedou claro no pasado pleno.

 

Para os nacionalistas é gravísimo que desde o Goberno municipal se lle negue aos veciños e veciñas, propietarios das súas vivendas, a información que reclaman sobre quen está empadroado nas súas vivendas. Por iso, pídenlle ao PP que non sexa cómplice activo e que se poña do lado da veciñanza e que exerza as súas funcións. “É imposible solucionar un problema se o que ten as competencias para facelo é partícipe del”, afirman desde o BNG.