O BNG DENUNCIA O NOVO HORARIO REDUCIDO DO MUSEO MUNICIPAL
Desde o BNG de Lalín denuncian a situación quenos últimos días, o Concello de Lalín anunciaba facendo público o novo horario do museo “Ramón María Aller”. A partir de agora, esta instalación municipal abrirá, unicamente, de martes a sábado durante cinco horas e media ao día. Á redución de horario, súmase o peche do museo durante os domingos e luns.
A Responsabele Local, Mari Fernández, destacou que a meirande parte dos museos non abren as súas portas os luns porque poden ser visitados tanto en sábado coma en domingo, facilitando así que os turistas poidan coñecer o patrimonio cultural da zona visitada.
A fronte nacionalista defende que Lalín necesita diversificar a súa oferta turística, máis alá de todo o relacionado coa Feira do Cocido, e contar cun museo municipal, situado en pleno casco urbano e aberto os fins de semana, constituiría un atractivo importante para a potenciación do noso sector cultural e turístico.
Mari Fernández solicita a ampliación do horario entre semana e a apertura do museo, tanto sábados coma domingos diante do que tilda dunha medida sen sentido e que se vai traducir en perder servizos e oferta cultural para Lalín.
O BNG de Lalín tamén denuncia a situación de precariedade de persoal que ven sufrindo o Museo Municipal desde hai anos.
Destacan os nacionalistas que en breve, xubilarase a Técnica de Cultura que leva prestando os seus servizos no museo dende hai varias décadas, ao mesmo tempo que lembran que o outro Técnico de Cultura que se atopaba nesa mesma situación xa se xubilou hai un par de anos e non foi ata un ano despois, en xuño de 2024, que o goberno municipal do PP convocou un proceso selectivo para a provisión deste posto de traballo vacante, mediante un contrato de interinidade. Este proceso non rematou ata marzo de 2025, coa contratación dunha traballadora que está a cubrir ese posto de traballo de xeito interino.
Considera o BNG que tardar dous anos na cobertura dese posto de traballo e facelo dun xeito interino amosa, unha vez máis, a pouca importancia que o goberno municipal do PP concede á cultura e á potenciación dos recursos turísticos de Lalín e o desinterese que manifesta en dotar ao Museo Municipal dos medios persoais e profesionais necesarios para o seu correcto funcionamento.
Para o BNG o despropósito respecto á xestión desta estratéxica e clave instalación municipal é total, denuncian os nacionalistas, consiste en que esa nova técnica de cultura, recentemente contratada, non presta os seus servizos no museo, senón que traballa nos Servizos Económicos municipais, quedando o museo municipal sen o persoal técnico necesario para garantir o seu correcto funcionamento.