O BNG CULPA AO PP DA CRISE DO ALUMNADO DO SCIENTIA E ESIXE SOLUCIÓNS XA
Coa chegada do comezo do novo curso evidenciouse a problemática que atravesa o centro educativo Scientia e que se estende a todas aquelas familias que facían uso del. Nestes últimos días a prensa fíxose eco da nova que os pais e nais recibiron por teléfono de que o día 2 de setembro a gardería que depende deste centro non abriría as súas portas, co que isto conleva a nivel de conciliación familiar, sen ter enriba da mesa solucións nin tempo de reacción, xa que quedan moi poucos días para resolver a situación das crianzas que se ven sen praza na escola infantil.
Dende o BNG lalinense lembran que esta situación xa non é nova, dado que en anos anteriores os impagos e baixas do persoal, cando a xerencia do centro era outra, xa estiveran de actualidade no concello de Lalín. Así mesmo, non queren deixar pasar a oportunidad de lembrar a grave eiva que sufre Lalín en canto ao número de prazas de escola infantil dispoñibles e que xa trasladaron dende o grupo no pleno durante este ano co voto en contra do PP. Co peche por falla de persoal do Scientia, non fai máis que agravarse a situación que viven as familias lalinenses en canto a conciliación, xa que as máis de 50 crianzas que serían usuarias do servizo quedan totalemente faltas del, sen que ninguén por parte do goberno teña solucións que aportarlle as familias.
Dende o grupo nacionalista son críticos co xeito que ten a Xunta de prestar un servizo que vende como gratuíto dende hai anos e que non é tal e que fai que estes casos de impagos por parte das empresas, peches sen previo aviso e outras irregularidades se repitan por todo o país, sendo xa unha constante este tipo de casos. A situación da capital Dezá tórnase crítica e o portavoz municipal do BNG esixe solucións inmediatas por parte do goberno para atallar un problema que se estende a todo o alumnado do centro, que non sabe se vai poder comezar o curso con normalidade a xulgar pola nefasta xestión do centro, que acumula meses de impagos aos profesionais e non da resposta as dúbidas das familias, ás que nin sequera lles contestan ás chamadas telefónicas.
“O novo curso está a piques de comezar e é de xustiza solventar este problema, precisando accións por parte do goberno municipal e da propia Consellería de Política Social”, que se atopa desaparecida perante tal crise na conciliación de todas e todos os lalinenses, lembran os nacionalistas ao lles preguntar sobre o asunto que chegou a coñecemento da prensa esta semana.
Para os nacionalista este é o resultado directo dun PP que entende o ensino como un negocio e que actúa dun xeito tan irresponsable que minte descaradamente á hora de dicir que non coñecían o tema, o que sería gravisimo xa que estamos falando que é un centro privado que recibe cartos públicos para prestar dito servizo, e que amosa unha total falta de sensibilidade e responsabilidade coas familias afectadas porque non lle aporta ningunha situación.
Diante destos feitos tan graves para os nacionalista, anuncian que presentarán distintas iniciativas a nivel municipal e do Parlamento galego para darlle unha pronta solución e desde logo tamén para pedir responsabilidades políticas ante unhos feitos tan graves.