Paco Vilariño insta ao goberno de Crespo a “mudar o rumbo e afrontar con medidas os problemas reais da veciñanza”

O BNG cualifica os orzamentos de 2026 coma “os do engano e o endebedamento”


O BNG de Lalín vén de analizar polo miúdo os orzamentos que o goberno do PP quere aprobar no pleno o vindeiro 23 de decembro, uns orzamentos que os populares lalinenses cualifican como históricos cando en realidade son “os orzamentos do engano”, afirma o voceiro municipal Paco Vilariño. Na realidade, o BNG lalinense denuncia que as contas de Crespo son “as mesmas que as do ano pasado e as que leva en todo o mandato”, xa que o incremento de 13 millóns de euros que o PP cualifica de histórico “o único que ten de histórico é que o PP mete nas contas por primeira vez e para enganar partidas que antes non metía”. Os nacionalistas acusan ao goberno do PP de “tentar engordar ficticiamente as cifras orzamentarias” incluíndo nelas os plans da Deputación de Pontevedra ou os fondos europeos que Lalín recibe igual que calquera concello de máis de 20.000 habitantes.

A maiores, Vilariño cualifica como “o colmo da cara dura” que o PP no Concello de Lalín inclúa nas contas do vindeiro ano máis de 4 millóns de euros dun crédito que vai pedir “para endebedar aínda máis ás veciñas e veciños de Lalín”. Para o BNG estas contas feitas polo goberno de Crespo só evidencian “unha falta de xestión absoluta”. Vilariño critica o “exercicio de cinismo” dun goberno municipal que recorre “ao engano e á forte carga impositiva á que ten sometidos aos lalinenses para colgarse unha medalla falsa e vender como histórico un orzamento que en realidade é unha nova estafa”.

Destaca o BNG do proxecto de orzamentos presentado polo goberno do PP de Lalín o “incremento escandaloso” da presión impositiva ao que ten sometido nos últimos anos ás veciñas e veciños de Lalín, con claros exemplos como a suba do 25% do IBI ou a recuperación de tributos como o ICIO e as plusvalías. Destaca o BNG de Lalín coas contas de Crespo na man, que no 2026 o goberno do PP “vai aumentar un 433% o recadado con estas plusvalías” entre a veciñanza.

Ademais denuncian os nacionalistas que no 2026 Lalín “vai a ter un goberno carísimo”, cunha cuantía de máis de 700.000 euros destinada ao gasto deste goberno “eso sí que será histórico, o goberno máis caro da nosa historia concretamente”, destacou Vilariño. E todo este “despilfarro”, criticou o voceiro nacionalista “para facer electoralismo e vendernos medidas que non existen anunciando endebedamento e proxectos logo de 3 anos sen facer nada”.

 

Orzamentos “antisociais” que non atenden os problemas da xente.

Da análise dos orzamentos do goberno de Crespo para o vindeiro ano, o que tamén queda claro é que son uns orzamentos “antisociais”, unhas contas nas que as partidas  que experimentan menos incremento son precisamente “as destinadas aos servizos sociais e a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza”. Paco Vilariño critica neste senso o “escaso interese” do goberno do PP por investir en “servizos sociais, seguridade cidadá ou axudas aos clubes e ao deporte base”, unhas partidas que son “ridiculizadas” nas contas para 2026.

E todo isto nun orzamento que ten unha “débeda récord” de 11.900.000 euros, “a maior da nosa historia”, destaca Vilariño. O BNG cualifica de “irresponsable e desastrosa” a xestión de Crespo no Concello de Lalín, que “nos vai a levar a bater un novo récord en amortización de capital e intereses da débeda”. Destacou Vilariño que Lalín, grazas á xestión do PP, vai a pasar a pagar 500.000 euros anuais en intereses pola débeda o que supón que “o regalo de Nadal do Concello de Lalín a cada veciña e veciño é que debe 586 euros pola súa nefasta xestión”.

Fronte a isto, o BNG de Lalín sabe que “outra forma de xestionar e gobernar é posible”, por iso demanda ao goberno municipal do PP un “cambio de rumbo inmediato”, tamén en política orzamentaria, para elaborar unhas contas públicas que afronten con medidas e partidas orzamentarias concretas os problemas reais das veciñas e os veciños de Lalín”. Vilariño convida ao goberno de Crespo a “mirar pola veciñanza en cuestións fundamentais como a vivenda, a seguridade, rural, sanidade, servizos sociais e deporte”, e insta ao PP a “usar os cartos dos lalinenses en políticas que melloren a vida da xente, non nas obras faraónicas”.