Manuel Carbón esixe que volva o contido reivindicativo e educativo co que naceu

O BNG critica o maltrato do goberno á celebración do Orgullo LGTBIQ+ en Lalín

Festa do Orgullo 2019

 

  

 

 

Lalín, 12 de maio 2025.- O BNG de Lalín cualifica como “un fracaso buscado” o resultado da celebración do Orgullo en Lalín esta pasada fin de semana. O responsable de organización dos nacionalistas lalinenses, Manuel Carbón, define coma un “maltrato sistemático” o que o goberno local está a facer ano tras ano con esta celebración do Orgullo LGTBIQ+, unha iniciativa posta en marcha polo goberno cuatripartito en Lalín con ampla participación de colectivos, actividades educativas, carácter reivindicativo e unha clara aposta polo fomento da igualdade e a visibilización dos colectivos LGTBIQ+ e as súas demandas nun espazo de convivencia municipal nun concello integrador e diverso.

Logo de ver o “fracaso estrepitoso” ao que o PP de Lalín está abocando a esta celebración, Carbón lamentou que un evento que “no seu momento foi exemplo a nivel de toda Galiza na reivindicación dos dereitos sociais destes colectivos” se teña convertido coa “estratexia de baleirado de contido que ano a ano lle aplica o goberno local a este evento coa clara intención de facelo desaparecer”. O BNG de Lalín pedirá no vindeiro pleno municipal “explicacións deste despropósito” ao goberno local.

Ademais o responsable de organización esixe ao PP “que mude o rumbo e volva a dotar de contido” esta celebración, “demostrando que realmente teñen interese na súa continuidade se non é certo que a estratexia é deixar morrer pouco a pouco ao Orgullo de Lalín”. O BNG considera “fundamental” nun concello como Lalín a implantación de políticas transversais que eduquen en igualdade e diversidade, que na práctica redundan sempre na mellora da calidade de vida e o benestar da nosa veciñanza.

 

Criticou Carbón a un goberno que “practica o postureo ideolóxico” no canto de levar a cabo políticas sociais para a veciñanza. Desde o BNG de Lalín demandan ao goberno local “que deixe de diferenciar entre eventos e celebracións de primeira e de segunda categoría” e exixen ao PP “que fale cos colectivos, que volva a encher do auténtico contido reivindicativo o Orgullo de Lalín”, trátase segundo o responsable de organización de “devolverlle a este evento seu carácter exemplar, e que realmente sexa fonte de reivindicación da diversidade que existe en Lalín e que non se ve recoñecida nin representada por este goberno”.

O BNG de Lalín recibiu nesta fin de semana queixas e malestar dos colectivos LGTBIQ+ da contorna, que teñen visto como o goberno do PP de Lalín convertiu desde o goberno o Orgullo de Lalín “nunha pantomima baleira de contidos, de sentido e de utilidade”.  

 

Rematan os nacionalistas criticando que a nefasta organización deste evento, plasmouse non só no plantexamento e finalidade do mesmo, senón na nula repercusión que tivo para a economía local debido a ausencia de xente. Lembra Carbón que co cuatripartito enchíase a praza da igrexa de xente, o que evidentemente tiña unha repercusión directa moi positiva sobre a hostalería e comercio da nosa vila.