O BNG CRITICA AO GOBERNO POR NON COLOCAR OS PARAUGAS NA RÚA COLÓN
O voceiro municipal do BNG de Lalín, Francisco Vilariño, critica ao grupo de goberno por non ter, un ano mais, instalado os parauguas de cores na rúa Colón e a facer esta proposta extensiva a outras rúas do noso casco urbano, con diferentes elementos decorativos, tal e como anunciara no anterior goberno que ía facer e que o cambio de goberno evitou que se plasmara nese verán. Unha negativa que non se entende debido a que desde o propio goberno actual díxose en varias ocasións que a estructura multicolor foi una boa idea.
Vilariño, como responsable desta iniciativa no anterior goberno, discrepa coa postura do executivo local e di que durante o mandato seu, foi moi positiva. "Son máis necesarios que nunca, porque os paraugas xa se compraron e só hai que asumir o custo da montaxe" e a maiores mercar novos elementos para outras rúas pero sabendo que son investimentos menores e que quedan para poder empregar en sucesivos anos. A experiencia ten demostrado con rotunda claridade que impacto positivo e o retorno é infinitamente superior á invesión inicial.
Para o BNG esta iniciativa de cubrir varias rúas con elementos decorativos de cores axuda a potenciar a chegada de visitantes durante a época estival e que tan necesaria se fai nestes momentos.
O obxectivo é embelecer tramos peonís dunha maneira "moi visual e orixinal" e convertirlos, deste xeito, "nun novo e potente reclamo para turistas e veciños", apunta o concelleiro nacionalista, que alude a outros lugares nos que se desenrolan con enorme éxito e aceptación iniciativas semellantes. Ao mesmo tempo, destaca, " dinamízase a actividade social e comercial da vila".
En palabras de Vilariño “desfacerse desta proposta só obedece á estratexia dun goberno que se move por revanchismo e que non responde á defensa do interés xeral do conxunto dos vecinos e veciñas”.